Tuesday 21 de May de 2024

O Concello de Brión e a Deputación acordan mellorar os accesos ás Torres de Altamira


O ente provincial fará unha entrada en pedra ata as Torres e o Concello ampliará a cuneta, gañando así espazo para aparcamento
O Concello de Brión e a Deputación Provincial da Coruña mellorarán os accesos aos restos da fortaleza das Torres de Altamira, o monumento máis identificativo do municipio e que é propiedade da entidade provincial. O alcalde brionés, José Luís García, visitou recentemente a zona co presidente provincial, Valentín González Formoso, para que comprobase sobre o terreo as eivas existentes na zona.

Unha visita que serviu para que González Formoso se comprometera a facer unha entrada en pedra que suba dende o pe da estrada ata as Torres de Altamira. “Así conseguiremos que non se deteriore o camiño de acceso, xa que había días nos que practicamente estaba intransitable, e melloraremos tamén as condicións de seguridade dos centos de persoas que visitan este enclave”, explica o alcalde brionés.

Así mesmo, o Concello de Brión ten previsto entubar a cuneta da estrada, conseguindo así un dobre obxectivo: por unha banda, canalizar mellor as augas pluviais da contorna; e, por outra, anchear a estrada, permitindo así gañar espazo para que todos os que se acheguen a visitar a fortaleza teñan onde aparcar os seus vehículos. Finalmente, o Concello tamén se vai poñer en contacto cos veciños e veciñas da contorna para ver de chegar a un acordo para retirar uns eucaliptos que tapan a visibilidade da fortaleza.

As Torres de Altamira son o monumento máis representativo do pasado histórico de Brión, testemuña das numerosas liortas entre a nobreza e a igrexa. Esta fortaleza ocupa o lugar estratéxico dunha acrópole castrexa, datando a súa construción do século IX. Foi destruída polos irmandiños e posteriormente asediada no ano 1471 polas tropas do arcebispo de Santiago, baixo o mando de Luís de Acevedo, sen moita sorte.

A fortaleza chegou a ter seis torres, ademais dun cómodo pazo e dunha capela. Pouco a pouco foi perdendo importancia para os condes e pasando de man en man, que reutilizaron as súas pedras para outras construcións ata chegar ao día de hoxe, no que só quedan algúns restos do que fora unha das máis valiosas fortalezas na súa época.